Nota do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá
Agradecemento e satisfacción pola excelente acollida do público lucense
Celebrada a XXX Semana Internacional de Cine de Autor, o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá quere facer constar a súa satisfacción pola excelente acollida do público lucense, que disfrutou das proxeccións e fixo constar repetidamente a devoción polo cine de autor.
A cifra de espectadores, que superaron os nove mil, nun tempo no que o cine comercial está en crise, reafírmanos no camiño seguido que estimamos debe continuar cada vez con máis forza.
E o agradecemento que sentimos polos cinéfilos lucenses facémolo constar, así mesmo, ás institucións que colaboraron connosco para que a Semana fose posible: Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo, Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Xacobeo, Universidade, Caixa Galicia e Galicia Dixital.
Remata un ciclo cun número de semanas tan rotundo como a que vimos de celebrar. Á satisfacción e agradecemento expresados quédanos por engadir o desexo: ¡Por moitos anos, Semana de Cine de Lugo!.
Xulio Xiz, Presidente de Fonmiñá.

