GRAVEMENTE PERIGOSA

Foto de noticia(Manuel Curiel Fernández)

Hai uns días, nunha das miñas frecuentes escapadas ó lugar onde nacín, que non é outro que a lucense vila da Fonsagrada, detívenme xunto ó escangallado edificio que albergou ó “Gran Cinema”, cine da miña infancia e adolescencia no que vin, moitas veces ás agochadas, non poucas películas e hoxe dedicado almacén de material de obras. O local estaba aberto de par en par e a miña curiosidade por recordar o vello local invitoume a entrar. Era un desvencellado local hoxe nun so corpo, pero alí imaxinei o patio de butacas, o ambigú, a cabina de proxección e o galiñeiro, lugar no que nos congregabamos a rapazada cando a película era tolerada para tódolos públicos, ou sexa, “branca”, como indicaba a censura, ou ó sumo “azul”. Certo sentimento de morriña invadiu a miña mente. Á miña memoria acudiron “Marcelino pan y vino”, “Cita en Melbourne”, “Molokai”, “El llanero solitario”, a ampla gama de películas “do oeste”… e as súper prohibidas “Mogambo”, “Las diabólicas” ou “Lo que el viento se llevó”, por citar algunhas. Gardo na miña memoria a imaxe daquel cine, a enorme pantalla que cubría toda unha parede, as butacas de madeira, os bancos corridos do galiñeiro, as pipas de xirasol, a sesión continua, o programa dobre, a fila dos mancos, o acomodador con lanterna, a censura e os berros de “cuadro, cuadro”, cando aquela obrigaba a suprimir algún plano… e por suposto a Natalie Wood, de quen me namorei perdidamente.
A miña amizade con Benito de Don Benjamín permitíame acceder á cabina de proxección e desde ela presenciar as que nin por asomo pensaba ver, e que de ter chegado a coñecemento dos meus mestres (a escola á que asistía estaba situada no piso superior ó cine) teríalle costado algún desgusto ó meu amigo e algunha pescozada e castigo a min. Esa amizade con Benito permitiume descubrir, aparte de contemplar as clasificadas con “3”·, “3R”, “4”, ou “Gravemente perigosa”, moitos dos segredos da montaxe das películas, dos “cortes”, da censura…
Na igrexa da Fonsagrada, nunha dependencia anexa á sancristía, había tres caixóns de madeira repletos de centos de fichas relativas a vellas películas de cine, editadas pola Confederación Católica Nacional de Pais de Familia entre os anos 1950 a 1970 (a miña condición de acólito permitíame estas confidencias). Aquí, como en tantos outros pobos de España, estas tarxetas expoñíanse nunha pequena vitrina instalada na porta da igrexa para informar ós fregueses sobre a catalogación moral das películas que se ían proxectar esa semana. No caso da Fonsagrada na sala de cine ‘Gran Cinema’, tódolos xoves, sábados e domingos. En cada ficha figura o título, o xénero ó que pertence, o seu director, os intérpretes, un pequeno extracto do argumento e, finalmente, unha crítica moral. Se a película era catalogada cun ‘1’ era apta para todos; se era con ‘2’, podían ir os mozos; cun ‘3’, só maiores; con ‘3R’, maiores con reparos e se a puntuación era dun ‘4’, considerábase «gravemente perigosa». Parte destas fichas forman parte hoxe en día da miña colección cinematográfica e constitúen unha extensa fonte documental e dan fe dunha realidade cultural e relixiosa moi distinta á actual pero non moi afastada no tempo. A lectura dalgunha destas cédulas hoxe pode resultar sorprendente e ata divertida, a tenor do desafinados que quedaron os melindres morais.



A película “Salomón y la Reina de Saba” cualificouse cun ‘3` dado que: «a bacanal e unha escena insinuante son reparos para os mozos». Igualmente se valorou cun ´3` “Con faldas y a lo loco”, polo equívoco derivado do disfrace feminino e “algún exhibicionismo”.
“Cuando los dinosaurios dominaban la tierra” xulgouse con máis benevolencia e pese a que “naturalmente abúsase do nudismo, aínda que sen ningunha concesión erótica», cualificouse como apta para mozos. “Doctor Zhivago” correu peor sorte e obtivo a temida ‘3R’ xa que «relacións ilícitas, adulterio, violación, cru realismo nalgunhas escenas… Todos son serios inconvenientes de tipo moral, aínda para públicos adultos». Igual que “Objetivo Bikini” de Mariano Ozores: «No hay más que carreras y persecuciones grotescas, y eso sí, ni una sola mujer vestida, a pesar de ser tantas». A autoridade eclesiástica tampouco viu con bos ollos a Sean Connery en “James Bond contra Goldfinger”, porque «con su apostura se lleva de calle cuanta hembra perversa le sale al paso (y le salen bastantes) y ello da lugar a situaciones y secuencias nada edificantes». A película “Dos hombres y un destino” foi tamén cualificada con ‘3R’, principalmente pola simpatía que espertan os «malos». E cun ‘4’, é dicir, as «gravemente perigosas», atópase, como non podía ser menos, “Viridiana” de Buñuel, da que se afirmaba que: «repele el tema, pues que sexo y religión se muestran en alardes extremos y con amarga y demoledora expresión; el escándalo producido en su alrededor ha servido a su propaganda».
Era eu moi neno, serían cinco ou seis anos, cando se estreou Gilda. Recordo que nos situabamos nun lugar estratéxico para ver a tódalas persoas que saían do cine e observar se tiñan caras de demos, de estar posuídos polo pecado, etc. Era unha película cualificada polos censores como “Gravemente peligrosa”, co número ´4`. Pero a xente saía con cara normal..... Anos máis tarde tiven ocasión de vela nunha reposición e estiven pendente de todo o que puidera ser motivo do "grave pecado" vela e é que non había nada como a sensualidade para “axitar conciencias”. A película foi tan famosa como vilipendiada. Na España da "época" considerouse escandalosa pola escena do guante. Tanto dispendio de erotismo era inconcibible. ¡A sensualidade é pecado, señores!. Ou tal vez o pecado está en querer acariciar a pel suave que se adiviña, en imaxinar estremecedoras caricias ou en pousar a vista nesa mirada de gata buscando pelexa. E as conciencias "benpensantes" do momento español prohibiron a película por ser "gravemente perigosa". Sería, máis ben, polo "grave perigo” de imaxinar ser o obxecto de desexo de Gilda. En verdade vos digo que o maior pecado sería non imaxinalo. O cine constituíu, sen dúbida, un obxecto de desexo permanente para os censores, que fixeron estragos ata extremos ridículos, con miles de rolos de película cortados a tesoirada limpa, cambiando desenlaces inadecuados por finais moralizantes. A Igrexa e o “enviado de Deus feito Caudillo” anatematizaron multitude de filmes, algúns tan inmorais como”Lo que el viento se llevó”, cualificado así por unha escena na que a protagonista espertaba cun sorriso na boca trala súa noite de vodas. E noutras ocasións, como na película de John Ford “Mogambo”, na que os espelidos censores converteron en incesto o que se trataba dunha simple infidelidade, co que os espectadores non entendían moi ben como dous irmáns se bicaban apaixonadamente na boca. Ou aquela escena de “La huida” en que se considerou unha ofensa á Garda Civil o feito de tan só ferir a un prófugo porque “a Benemérita nunca falla”.






Os recordos da nosa nenez están fortemente asociados ó cine, nun grado infinitamente superior ás xeracións que nos sucederon. Na nosa cuadrilla clasificabamos as películas en tres grupos segundo a súa temática: de guerra (aventuras, espadachíns, piratas, do oeste, bélicas,), de risa (o Gordo e o Flaco, Jaimito, Cantinflas, Charlot, os irmáns Marx) e de amor (caixón de xastre no que englobabamos a todas aquelas películas que, de forma inexplicable para nós, gustaban ás persoas maiores, sempre tan raras elas).
Categorización case tan simplista como incompleta pero que nunha esquecín. ¡E como viviamos as historias do cine!. Durante a hora e media da proxección, o mundo real quedaba fóra e mergullabámonos totalmente na vida que transcorría na pantalla. E cando a cousa ía de chorar, eu derramaba xenerosas bágoas, amparado na escuridade da sala. Era un choro vergonzoso porque dicíase que os nenos non choran e non era cuestión de que o mundo puxera en cuestión a túa afouteza. Hoxe sigo chorando no cine pero agora fágoo sen ningún tipo de complexo.¡Co saudable que é rir ou chorar para o teu benestar emocional!. Hai que ir ás salas de cine, sen flocos de millo e sen teléfonos móbiles, a deixarse enganchar pola perenne maxia das súas historias. É posible – xurdíronlle rivais moi fortes- que o cine perdera hoxe parte do protagonismo que antes tivo nas nosas vidas. Pero aí segue: vivo, actualizado e, coma sempre, feito do material co que se forxan os sonos.