HISTORIA E LEMBRANZAS DO CINE LUCENSE

Foto de noticia(Fernando Arribas Arias)

A visión cinematográfica da miña nenez en Lugo, está ligada fundamentalmente a tres cines: o Kursal, o Paz e o Victoria. O primeiro por ligazóns familiares e, os dous últimos, por proximidade xeográfica á casa na que vivía, sita na rúa Pintor Villamil, daquela General Queipo de Llano.

Ao Paz e Victoria comecei indo ás sesións infantís, aquelas que tiñan lugar os domingos, ás tres e media da tarde. Nestas funcións, gran parte das veces exhibíase a película que se proxectara pola semana, pero sen algunha que outra bobina, polo que era normal que se produciran saltos na trama do filme. Pero isto non nos importaba. Ese día, despois de xantar, era día de cine e de caramelos ou Chupa Chups e pipas e, se tíñamos sede, tomábamos unha Mirinda ou gasosa no ambigú. Dos dous, era o Victoria o noso preferido, xa que proxectaba as películas que máis nos interesaban que eran, por suposto, as de acción e de risa. Entre as primeiras, destacaban as vaqueiradas e de aventuras, mentres que das segundas as nosas preferidas eran as do Gordo e do Fraco e dos irmáns Marx. Esta sala, inaugurada o 26 de outubro de 1947 co filme de Henry King La Canción de Bernardette, foi o primeiro cine de barrio co que contou a nosa cidade, cunha vocación claramente popular. Pola contra, o Cine Paz, que abre as súas portas dez anos despois, concretamente o 1 de febreiro de 1957, coa película La fierecilla domada, interpretada por Alberto Closas e Carmen Sevilla, nace cunha orientación máis elitista. Por iso non contaba con localidades de xeral e silla e, ademais, o prezo da entrada era superior ós dos outros coliseos lucenses. Así, as colas que se formaban diante das súas respectivas taquillas, evidenciaban a estratificación social existente na nosa cidade. Os dous, contiguos, estaban situados na rúa de García Abad, pero tamén tiñan entrada pola rúa do Olvido, que daquela era unha canella.
O cine Kursal estaba na rúa Nicomedes Pastor Díaz e fora inaugurado o 19 de outubro de 1947 coa proxección de La carga de la Brigada Ligera, filme dirixido por Michael Curtiz e interpretado por Errol Flynn e Olivia de Havilland. Nesta sala entraba de balde, xa que meu pai, José Benito Arribas, era un dos operadores e a ela encamiñaba os meus pasos o saír do colexio, primeiro da Milagrosa e despois da Anexa, e sempre que había cambio de película (os venres era o día de estrea e o martes daba comezo a popular). Cómpre dicir que na miña casa nunca foron estritos con iso da censura e podíamos ver, sen restricións, case todas as películas que se proxectaban no Kursal. Ás veces, había que tomar algunha precaución e, en vez de sentarme no patio de butacas, tiña que ir a silla ou a xeral. Se a película era moi forte ou había algún policía na sala, vía a película dende a cabina, de pé iso si, e a carón da proxector e do amplificador de son para non perder os diálogos. Esta ausencia de restricións censoras familiares, permitiume ver películas como Este perro mundo, de Gualterio Jacopetti, cando só tiña sete anos. Tampouco houbo problemas para a mítica Gilda e outras semellantes que a clasificación moral da igrexa, que se colocaba no taboleiro de anuncios do templo da Nova, cualificaba de “gravemente peligrosas.”





O Cine Kursal foi a miña verdadeira escola de cine. Nesta sala, ademais de ver case todas as películas que desfilaron pola súa pantalla dende que teño uso de razón, puiden
asistir tamén ás sesións dos mércores do Clube Cultural Valle-Inclán, onde coñecín a Carlos Varela Veiga. Fundada en 1966, esta sociedade comeza a súa andaina con Los paraguas de Cherburgo, proxección que ten lugar o catro de marzo dese ano no Cine España. Posteriormente, na década dos setenta, nunha asemblea propiciamos que este cineasta afeccionado, xunto con outras persoas, pasara a dirixir esta sociedade, á que lle imprimiu uns novos rumbos máis comprometidos co noso país. No aspecto cinematográfico, grazas a Carlos, tivemos ocasión de contemplar, xa na gran pantalla do Kursal, todas as longametraxes de Buster Keaton (El maquinista de la General, El héroe del río, Siete ocasiones, etc.), a serie de Contos morais de Eric Rocmer (Le genou de Claire, L´Amour l´aprés midi,…) e as máis trascendentais de S. M. Eisenstein (¡Que viva México!, Iván El Terrible, Octubre e El acorazado Potemkin), así como algunha que outra de Akira Kurosawa, entre as que cómpre citar a miña favorita: Derzu Urzala, por nomear só algunhas das que me veñen á memoria á hora de redactar estas liñas.
Por todo o que levo dito, pode entenderse que sentira fondamente a desaparición destas salas. A primeira foi o Cine Victoria, que pecha provisionalmente o 22 de febreiro de 1970, coa proxección de Los 7 de Pancho Villa, filme protagonizado por Helga Line e Gustavo Rojo. Seis días despois, reabre as súas portas transformado en Sala de Arte e Ensaio, a primeira que houbo en Lugo. Inaugura esta nova etapa Repulsión, película dirixida por Roman Polanski. Tras ela viñeron La soledad del corredor de fondo, Mamma Rossa e Helga, filme este último que causou moito rebumbio en Lugo por algunha das súas escenas. Lamentablemente, esta experiencia non dura moito e, uns meses máis tarde, coa proxección de Cómo gané la guerra, protagonizada por John Lennon, o Cine Victoria despídese do público lucense por unha longa tempada ata que, en 1984, rexurde nunha nova andaina para desaparecer definitivamente catro anos máis tarde, concretamente o 6 de xullo de 1998, co filme Heredarás la tierra prometida.

Polo que respecta ao Cine Paz, esta sala aguantaría máis tempo. En marzo de 1977 transfórmase en Sala de Arte e Ensaio para poder proxectar películas como La naranja mecánica, estreada o 5 de maio dese ano, que permanece máis dun mes na carteleira. Posteriormente, xa como Sala S, o Paz ofrece títulos tan suxestivos como Enmanuelle,
Historia de O, etc. Diversas razóns, como a crise do espectáculo cinematográfico e a presión inmobiliaria, propiciaron desaparición deste coliseo o 31 de agosto de 1998 co filme Mercury Rissing (Al rojo vivo).
Meses antes, xa desaparecera da escena cinematográfica lucense o Cine Kursal. Foi un 31 de xaneiro de 1998 e, aquel día, figuraba en cartel El pacificador e, á hora da última función, na sala estábamos moi poucas persoas para despedir a este coliseo que marcou considerablemente non só a miña vida, senón a de moitos cinéfilos lucenses.