CANDO FINOU JOHN FORD, COMEZOU TODO
Suso Varela
(Suso Varela)
Calquera tempo pasado foi mellor, ou non. Nacín cando Coppola rodaba a súa obra mestra, a segunda parte de O Padriño; cando John Ford pasou a ser inmortal; e cando Víctor Erice presentaba O espírito da colmea, a primeira peza dun cineasta que xa está a carón dos seus mestres Ozu e Dreyer. Nesto do cinema formo parte dunha xeración que lle tocou vivir o cambio, a fin dun modelo de produción e de exhibición en grandes pantallas, para formar parte doutro sistema onde os filmes xa se organizaban ao redor dunha idea de distribución global: multisalas, edición en video e pase por televisión.
Cando ía en pantalón curto, Spielberg e Lucas trunfaban con ese novo modelo de espectáculo. Co tempo, e sen entrar na crítica cinematográfica, podo dicir que foron visionarios. Sabían que facer cine e estrealo en salas xa non era sinónimo de éxito. A Galicia, os cambios chegaban máis tarde, pero chegaban. A sociedade xa dispoñía dunha maior oferta de lecer (as discotecas de serán entraban na paixase da diversión dos mozos) e o cine deixaba de ter o monopolio, de ser o refuxo onde pasar a tardes dos domingos. Ata as relacións familiares eran diferentes. Os vellos mestres de Hollywood non comprendían os novos vieiros, pero os creadores de ET ou da saga de A guerra das galaxias si. Aínda así, e malia o éxito de Superman, a crise chegou. Incluso aquelas salas prohibidas para a rapazada que nos xuntabamos naquelas xa rúas irrepetibles, pechaban as portas e deixábanos orfos de carteis e fotos de corpos espidos e louras imposibles.
Ante un panorama de peche de salas, a inicios dos oitenta, e durante toda a década, houbo un fenómeno que marcou a moitos mozos e mozas: a televisión. Falo da pequena pantalla, cando de verdade era pequena, como un elemento de formación e de diversión. Nestes tempos do século XXI de correción política e de control dos contidos audiovisuais para os nenos, a miña experiencia sería de psiquiatra. Lembro con paixón, e grazas á creación da segunda canle de TVE e á paciencia dos meus pais, ciclos de películas que se podían ver ás nove da noite e que hoxe serían impensables. Así, ía para a cama coas imaxes de James Cagney, metralladora na man, asasinando a canto mafioso ou policía se lle puxera por diante. Ou a Errol Flynn matando japos como formigas. Cando ao día seguinte chegaba ao colexio, organizaba as bandas de compañeiros para xogar coa pistola de dedo dereito e con granadas imaxinarias. Cos anos souben que aquelas imaxes de cine pertencían a un tal Raoul Walsh e tamén, a medida que ía cumprindo películas na miña vida, prométolles que non acabei sendo nin atracador de bancos nin teño interese en ir á guerra para matar xaponeses.
Era imposible, con 12 anos, non acender a televisión e ver películas interpretadas por Spencer Tracy, Bogart ou Gary Cooper. Grazas a aqueles fotogramas, e aos consellos dun irmán impagable, puiden dar o salto xa con 15 anos a cousas que se podían ver en TVE dun tal Rohmer, Truffaut, Welles, Lubitsch, Lang ou Stroheim. Pregúntome moitas veces que sería de min se en 2008 tivese de novo 10 anos. ¿Volvería a coller a enfermidade da cinefilia? Estou seguro de que si. Internet e as novas tecnoloxías abriron as fronteiras. ¿Quen me ía dicir a min que hoxe pode coller nun lapis informático Retorno ao pasado e poda enviarllo a un amigo a outro recuncho da península?
Son, por tanto, dunha xeración que accedeu tarde e mal ás salas de cine, e que cando o fixo foi grazas aos citados Spielberg ou Lucas. Teño a sensación de que hoxe pasa algo similar. Salvo as excelentes películas de animación que se estrean, moitas caviladas para que as vexan tamén os pais, os nenos poder chegar a unha variedade de lecer fóra das multisalas que para si quixeran, ¡ou non!, os cativos que viviron o longo franquismo e que soñaban con ser algún día unha estrela da gran e única pantalla, a do cine.

