LEMBRANZAS –FRAGMENTARIAS- EN CARNE VIVA
(Xoán Ramón Díaz)
Houbo un tempo no que o meu pai e mais eu xogabamos a un xogo: el contábame o argumento dunha película calquera vista na súa infancia ou mocidade e eu dicíalle o título, o nome do director e o dos actores principais. O meu pai naceu en 1911 e eu no 48 e viramos, case, case, as mesmas películas. Claro que por aquel entón eu lira a Historia do Cine de Roman Gubern e os oito tomos da Enciclopedia da Sétima Arte da editorial Buru-Lan. Ademais, a televisión, aquela televisión única, en branco e negro, a caixa boba, a mellor televisión de España, o que vostedes queiran, tamén achegaba o seu aquel aos cinéfilos. Programaba ciclos, recuperaba xoias esquecidas e, en xeral, ofrecía un nivel cinematográfico máis que encomiable. Pero nada disto constituía a principal fonte de coñecemento para poder xogar co meu pai a aquel xogo ao que xogabamos. O Cine Vitoria, iso si que era unha filmoteca inesgotable que poñía diante dos meus ollos de neno curioso e fascinado toda a historia do cinema practicamente desde as súas orixes. O Cine Vitoria non estreaba nunca. Todo o que proxectaba eran reposicións. Ás veces con rótulos multicolores aclaraba que a película do día era copia nova. O Cine Vitoria programaba a sesión infantil os domingos ás tres e cuarto. Enchíase ata os topes. Escaravellalba nos fondos máis inverosímileis das distribiuidoras e ofrecíanos, nin máis nin menos que iso: o mesmo cine que o meu pai vira na súa infancia. Eu vin case tanto cine mudo como o meu pai.
E logo estaban as series. Estas sagas que hoxe imitan de lonxe as vellas series dos tempos dourados, por algo será que se denominan secuelas. O noso era outra cousa. O Cine Vitoria administrábanos películas por entregas. Deixábannos ao heroe nunha situación desesperada e había que agardar ata o domingo seguinte para saber que pasara ou, mellor, que ía pasar. Nunca esquecerei o final dunha destas entregas (creo que da serie de Tom Mix): preparaban unha trampa, un revólver montado sobre un estaribel que apuntaba á porta. Un cordón atado á manilla accionaba o gatillo cando a porta se abría. Tom Mix abríaa, soaba o disparo e... fundido en negro. Continuará.
As series que recordo, creo que con pouco risco de equivocarme, son, entre outras: O Capitán Marabillas, ou sexa Marvel pasado por Arxentina; O Doutor Mabuse do Fritz Lang aínda alemán; a xa citada de Tom Mix, cow-boy pioneiro; Látigo Negro, mexicana, na que a heroína era ¡unha muller!; Ken Maynard, coa súa pulcra vestimenta e o seu cabalo Tarzán; Hopalong Cassidy, con aquel sombreiro apirulado...
O western, como é natural, tiña unha aceptación particular naqueles tempos. A min deixoume marcado para sempre e aínda que sei que non os vin todos, porque semellante fazaña resultaría pouco menos que imposible, non han ser moitos os que se me escaparon. Aínda hoxe continúo disfrutándoos e creo que desde o meu inconsciente máis profundo e máis certo, guían a miña pluma cando escribo os meus relatos.
Sempre me chamou a atención a nitidez coa que recordabamos as xentes da miña xeración as películas que viramos de nenos. Creo que coñezo o motivo: contabámonolas uns aos outros. Varias veces, en ocasións. Cando, camiño do instituto, por exemplo, na mañá do luns, atopabámonos con calquera compañeiro, a pregunta era ritual; ¿que película viches onte?. Dábase por seguro que foramos ao cine. Se viramos películas
distintas contabámonos un a outro cada un a súa. Isto, unido a que non había competencia da TV -con emisións ateigadas de anuncios, interrompidas constantemente por conversacións impertinentes, por chamadas telefónicas...-, e os cines da cidade repoñían e repoñían películas unha e outra vez. Hai algunha que eu vin en sala máis de vinte ou trinta veces. Por exemplo Río Bravo.
Pero, como o que se me pide é que fale do cinema e de min cando era neno, referireime á película que me marcou dun modo máis definitivo naquela época iniciática e deixou a súa marca indeleble para sempre: Ladrón de Bicicletas. Non sei que idade tería eu cando a vin -por primeira e úinica vez, pois por algunha estraña razón, xamais volvín ver esta película, o que non alterou para nada o sinal que gravou en min-, pero seguro, seguro que tiña menos de tres ou catro anos dos dez. ¡Aquela película! As colas de homes amoreados á espera de seren chamados para un traballo; as sabas empeñadas no Monte de Piedade para comprar a bicicleta... Un filme no que non acababa de ocorrer nada no medio de todas as cousas que ocorrían constantemente; no que un home desesperado, acompañado dun neno desconcertado -inesquecible a escena en que o neno pretende mexar nunha esquina e a chamada perentoria do pai faille pegar un respingo-, movíase dun lado para outro tratando de recuperar a súa bicicleta sen conseguirilo xamais. Na súa procura chega a ver de lonxe ao ladrón, pero este logra escapar, e o espectador non alcanza a saber, penso agora, se o era ou non o era realmente. ¡Unha película que acababa mal! O home, sempre co neno a carón, sacudido por amargos saloucos, dilúese ante nós chorando, con todas as ilusións perdidas e con todas as angustias intactas.
Non sei. Talvez durante moitos anos eu fun aquel neno desconcertado obrigado a compartir unha pescuda que non acababa de comprender, e poida que agora sexa xa aquel pobre home que choraba polas rúas pregando ao baleiro que lle devolva a esperanza perdida mentres conserva intactas todas as angustias.
¡O cine!

