O CINE IMAXINARIO DA MIÑA INFANCIA

Foto de noticia(Antonio Reigosa)

Cando eu nacín na miña aldea non había cine; nin o había daquela, nin o houbo despois. Nunca houbo cine na miña aldea. Tampouco había televisión. O primeiro aparello chegou á miña casa cando eu andaba polos doce anos, mais, entremedias, entre o meu nacemento e a chegada do televisor, eu, sen velo, souben o que era o cine.
Un día díxome Pepe do Vinculeiro, un rapaz uns dous anos maior ca min, que o levaran ao cine, ou que lle contaran do cine un seu tío e mailos primos emigrados en Suíza.
Como é o cine, debín preguntar eu emocionado, e el, quitándolle ferro ao asunto, desde a autoridade que dá a experiencia, espetoume:
—O cine só é imaxinación.
Sei que me contou algo daquela película que vira, ou lle contaran, e que non o lembro, pero o que si teño moi fresco é como gastamos unha tarde enteira o Pepe e mais servidor desenguedellando os moitos e, ao noso entender, posibles significados da palabra imaxinación. Que non era coma a realidade, que todo era falso e mentira, que os mortos, que se facían tal, que non morrían de verdade, que os golpes non doían, que os bicos non se sentían...; o cine, isto si que non o dubidábamos, era só imaxinación.
Eu andei por moito tempo cunha idea equivocada sobre o cine na cabeza. Logo daquela conversa deducín que abondaba con imaxinar unha historia para facer unha película. Probablemente rodei naquel tempo co meu maxín algunhas ducias de historias que sucedían en escenarios coñecidos e nas que os protagonistas principais eran persoas e animais cos que convivía ou tiña algunha relación, fose de parentesco ou tan só de veciñanza.
O que non sabía, nin teño en mentes que me importase moito daquela, era como conseguir que os demais visen o cine que un estaba imaxinando. Eu, preferentemente cos ollos pechados, soñaba tramas de películas, ideaba aventuras, amores, fazañas... todo o que a miña capacidade para imaxinar daba de si.
Así cheguei eu, con aquelas ideas tan de cine, ao cine de verdade, unha vez que botaron unha película no instituto de Mondoñedo. Tampouco lembro de que ía a historia, nin creo que sexa de importancia. Xa seguramente contaminado pola televisión comprendín que o que se vía nunha pantalla tiña que ser, á forza, recreado por alguén nalgún lugar. Descubrín entón que ademais de fantasear, había que representar o imaxinado, porlle figura para que os demais o puidesen ver.
Mentres a min me pasaba todo isto, en Mondoñedo pechou a derradeira sala de cine, así que nunca puiden ver unha soa película nunha sala de cine en Mondoñedo.










Logo viñeron os anos mozos e ir ao cine convertiuse en actividade case de culto. O sábado ou o domingo, ou os dous días, segundo o que proxectasen, ou segundo quen nos acompañase, unhas veces na sala de Lourenzá, outras na de Foz, vin moitas películas, unhas boas, outras regulares, as máis moi malas, de todas houbo, mesmo vin algunhas que non vin, envurullado naqueles escuros ocupado en descubrir os placeres novos que a miña idade demandaba. O galiñeiro daquel cine de Vilanova era o noso ceo a fin de semana, un paraíso de bicos roubados ou regalados e de vergoñas mal disimuladas. De cando en cando, os reflexos da pantalla ou os ecos do que dicían

actores e actrices espertábannos e facíannos reflexionar sobre o moito que lle debiamos ao cine. Amábamos o cine, apaixonábanos o cine; non había outro par de horas daquelas semanas das nosas vidas que superase as emocións descubertas grazas ao cine.
O cine de verdade funo descubrindo aos poucos, primeiro na Coruña, logo en Oviedo, nun ano de residencia forzosa, e logo en Lugo grazas á Asociación Cultural Valle Inclán. E un día, estando en Madrid, fun, fomos, ver unha película que me convertiu para sempre en devoto do cinema, do bo cinema: un director de cine que asiste ao enterro do vello mestre e amigo, antigo proxeccionista do Nuovo Cinema Paradiso…
Os personaxes desandan o tempo e volven á patria eterna que é infancia. Como a min me gustaría que fose a vida.