O CINE DA MIÑA NENEZ

Foto de noticia(Adolfo de Abel Vilela)

Pedironme que falase do cine da miña infancia, aínda que posiblemente o máis indicado sería que falase do cine da miña mocidade. Créoo así pola miña idade, nacín en 1946, na posguerra, polo que a miña infancia transcorreu nos anos cincuenta e a miña mocidade na década dos sesenta cando empezaron a vir as suecas á Costa do Sol e pouco despois viaxábase a Perpiñan para ver “El último Tango en París”. Eu vin esta película en 1971 en Roma, e como me pareceu unha cinta normal, así o contei nun artigo en El Progreso. Un señor, fiándose máis do “dixome, dixome” que da miña palabra, puxo en dúbida a valoración que facía sobre o seu contido nunha Carta ao Director, indicando que el non a vira, faltaría máis, pero polo que eu contaba parecía que aquela indecencia se podía ver aquí. Cando morreu Franco, puxérona na Televisión Española como un símbolo de apertura e para satisfacer o morbo dos que non tiveran oportunidade de vela. Comprobei que era exactamente igual á que eu vira, e así llo confirmei, con case dez anos de atraso, a aquel lector incrédulo. Despois vimos cousas moito peores.
Esta divagación vén a conto para entrar en situación. Porque na miña infancia as películas clasificábanse para maiores e para todos os públicos. Pero dentro do primeiro grupo, tiñan unha clasificación moral que se colocaba na porta das igrexas, de maneira que para escoller a película o primeiro que se facía era saber cales eran as clasificadas con R (eparos) e as “gravemente perigosas”, non para pecar menos, senón para condenarse máis. Neste último apartado estaba “Gilda”, película que eu non vin porque era un neno e non podia ver a unha señora que mentres cantaba se quitaba unha luva que lle pasaba o cóbado xenerosamente e deixaba o brazo ao aire, como a súa nai a pariu. ¡Un escándalo!
Con esta vara de medir, calquera película ou telenovela das que hoxe se poñen en horario infantil, como os debuxos animados de “Sin Chan”, “Los Simpson” ou “Padre de Familia”, que adoitan ver os nenos con naturalidade, alcanzaría aquela clasificación de “para maiores con reparos” e “gravemente perigosa”, co cal demostra o relativo das cousas, e canto esforzo inútil dos gardiáns oficiais da moralidade por intentar impor a súa moral, moitas veces un mero escaparate para agachar a súas propias miserias, establecer un comportamento estándar, uniforme, timorato e estúpido, coma se cada un de nós non fose o bastante maduro para saber o que ten que facer ou ver.
Meu cine era o España, situado entre a rúa das Nóreas, onde nacin, e a do Progreso. Moi preto tiñamos tamén o Central Cinema, na rúa de Xoán Montes, e un pouco máis lonxe, o Gran Teatro en Generalísimo Franco (Rúa do Teatro), o Kursal en Nicomedes Pastor Díaz, e moi lonxe para os nenos da miña rúa, o Vitoria en García Abad, unha sala pequena, modesta en comparación coas outras, un auténtico cine de barrio.
Así que durante anos non fun a outro cine que non fose o España, porque nos coñecía Domingo, o porteiro de cadeira e xeral, que traballaba na fábrica de galletas e rosquillas de Domeano (Tomás Saavedra Pardo), na rúa das Nóreas.







Cando a película era autorizada para todos os públicos presentabámonos na porta media ducia de rapaces logo de empezada a función e con certa vergoña pediámoslle que nos deixase pasar. A entrada custaba un día da semana 1,50 pesetas en xeral. Os domingos e festivos 2,50 pesetas, e cando chegaron as grandes superproducciones de Hollywood, en tecnicolor e cinemascope, había que desembolsar 5 pesetas ou 1 peso, que era o que algunhas veces lle deixaba o meu pai á miña nai para comprar a comida. E iso eran
palabras maiores. Unha cousa que non dixen é que a miña xeración é a de transición do cine en branco e negro á cor.
Grazas á xenerosidade de Domingo, vin “Jeromin” cinco veces, unha historia sobre don Juan de Austria, na liña de exaltación dos valores patrios nos que estaba empeñado o réxime, como “Marcelino pan e Viño”, un melodrama con neno desamparado (Pablito Calvo) que falaba con Xesucristo e que cantaba.
A xente ia chorar ao cine como si non tivera bastantes calamidades na súa casa. É curioso que soportabamos con gusto este xénero que lle chamabamos “españoladas”, de señoras e señores cantando, Lola Flores, Imperio Argentina, Juanita Reina, Estrellita Castro, Carmen Sevilla, Concha Piquer, Marujita Díaz, Sara Montiel, Marisol, etc., desas que nos poñen en TVE en Cine de Barrio, ou as mejicanas de Jorge Negrete e María Félix, que foron as precursoras do vídeoclicp, cuxo guión se facía a partir das letras das cancións, porque se ía ao cine para verlles cantar as composicións que soaban todos os días na sección de discos dedicados de Radio Lugo, e que escoitabamos nun aparello do veciño que era taxista, José Sexto Souto, que tiña unha boa colección de discos de pedra e que a base de volume facía que o seu receptor fose un difusor comunitario da canción española, porque ter unha radio con tocadiscos naquela época era un auténtico luxo. Para os nenos Pepe tíñanos contos, como “El flautista de Hamelin”, “El Gato con botas”, “La ratita presumida”, “La Cenicienta”, e outros.
Había a quen lle entusiasmaba Mario Moreno, Cantinflas, un señor que nunca me fixo graza porque non lle entendía o que dicía, aínda que a maioría ríase moito coas súas divagaciones e razoamentos. Para min as mellores películas de humor eran as de Bob Hope, que tiña uns dentes tan grandes coma os do seu cabalo que falaba, as do “gordo e o fraco” (Stan Laurel e Oliver Hardy) e por suposto as mudas de Charlot.
Os nenos viamos as inocentes producións de Walt Disney, como “101 dálmatas”, “La dama y el vagabundo”, e outras películas que os censores consideraban inocuas para a infancia, aínda que vaia vostede a saber, porque agora a “Peter Pan” algúns o consideran gay. Unha película de terror que me impresionou moito foi “El ladrón de cadáveres”, interpretada por Boris Karloff, ata o punto de que me marchei antes de que rematase.
A miña puberdade coincidiu co cine en cor, a pantalla panorámica, as vaqueiradas e as producións de Samuel Broston. As películas de romanos “Ben Hur”, “Sinué el Egipcio”, “Los Diez Mandamientos”, “Semirámiris, esclava y reina”, “Quo Vadis”, etc., foron grandes superproduccións, espectaculares logo de estar vendo a diario un cine que aínda que estaba á altura das circunstancias, non se lle pode quitar o cualificativo de populacheiro e cutre.








Estas películas que agora nos poñen todos os anos nas televisións por Semana Santa, conseguían abarrotar as salas naquelas datas tan sinaladas nas que estaba prohibido todo cine que non fose de temática relixiosa e as radios so difundían música clásica. Formábanse longas colas para conseguir a entrada e proxectábanas en dúas salas á vez, España - Gran Teatro, ou Central Cinema - Kursal, co que se reducían os gastos de explotación e dábase servizo a unha maior cantidade de público. Porque o cine naquel tempo que no que non había televisión era un gran espectáculo. Primeiro empezaba a proxección nunha das salas mentres que na outra puñan o NODO, os anuncios e facían un descanso, tempo suficiente para que chegase o primeiro rolo proxectado que trasladaba un recadeiro.
Por certo que entusiasmados polo éxito dos temas histórico relixiosos, ocorreuselles facer en cine a ópera “Aída”, interpretada por Sofía Loren e creo que coa voz de María Callas. Pero o vulgo, que durante anos tragou o máis variado repertorio de coplas e cupletistas, aínda non estaba en sazón para esas finezas e guiándose polo que vían nas fotografías e nos carteis anunciadores, pensando que era unha película máis “de romanos”, quedaban defraudados nos primeiros minutos cando os protagonistas cantaban en italiano e aparecían subtítulos en español, de maneira que o persoal de xeral, que estaba máis a monte e tiña dificultades para ler, organizaba unha rifa espectacular, berrando e pateando.
Agora queixámonos de que aquí non temos onde ver unha ópera e moitos desprázanse á Coruña ou ao Teatro Real de Madrid para escoitalas. Afortunadamente pasamos do cine de barrio ao DVD, e da España de burro e pandereita, a ser a oitava potencia mundial. Por sorte para todos a este país non o coñece nin a nai que o pariu.