O MÁIS MALO E A MÁIS GUAPA

Foto de noticia(Juan Antonio Pinto Antón)

Na sala aínda a escuras a xente empeza a saír. Pasan coa música os títulos de crédito de “las hermanas Bolena”. Pecha os ollos, e volven aparecer rostros xa borrados polo tempo. O da máis guapa. O do máis malo.
Daquela o cine era tan recente que ulía a celuloide queimado, como o arrecendo das pastas recén saídas do forno anunciaba o día da festa maior. Fábrica de pesadelos, paraíso dos soños, caleidoscopio de paixóns, xa saben: ata os lugares comúns semellaban un descubrimento.
Cando pregunta ao avó conta que foi aló polo veran do 45 cando comezou a funcionar o cine Ideal. Aínda recorda que a primeira proxección en sesión dobre, foron dous documentais, “Virgen Morena” e “Pastor Angelicus”. O edificio, ese que agora é un supermercado, constaba de dúas plantas, un salón de butacas na planta baixa. Na primeira planta as butacas de principal. Os servizos onde mexaban contra a parede de mármol onde sempre esvaraba a auga. E un pouco máis elevado, con bancos corridos, o xeral ou ‘galiñeiro’. Alí amoreábamonos os pícaros, os máis algareiros, os que tiñan menos cartos. Pero xusto enriba de nós estaba o volcán de luz que proxectaba as imaxes e que ás veces tapábamos no medio dunha treboada de asubíos. Ah, e o bar! A que non sabes como se chamaba o bar? Ambigú!
Nin me preguntes polos títulos. Todos foron esvarando polos sumidoiros da memoria. O que si recordo ben é que cada entrada, o día da festa, o día de Reis, era un tesouriño que había que conquistar patexando nas portas e derrubando as primeiras negativas con rabechas colosais. Tempos aqueles, meu vello. Cousas do ‘abuelo Cebolleta’ dirás ti.
Todo pagaba a pena para mergullarse no ritual previo da sesión de tarde. Ás veces era unha película de cine mudo con imaxes pespunteadas con notas de piano. Ou o gran Charlot. Aquelas películas eran o máis parecido ós soños, un mundo abisal, sen voz, poboado de imaxes. Pero non estabamos soñando, nin durmidos. A merda da cocacola e das palomitas non podía roubar nin un fotograma de atención. Cos ollos asombrosamente abertos podiamos ver a película, pero o tamén inventabamos a realidade.
Nun mundo onde dominaban os grises carpetovetónicos do NODO, irrumpía a liberdade revolucionaria das cores. Cada película era unha pintura inédita de cine e soños.
Moitas películas desas que ti chamas ‘españoladas’. Moitas emocións nun tempo no que as emocións sempre eran femininas por aquilo de que… un home non chora! Moitos berros e asubíos nun dos poucos sitios onde se toleraban os berros e asubíos. E moitos choros nun país feito de pedra e bágoas. Ah! E afagos ás escuras cando a quentura da pantalla incendiaba as últimas butacas. Moita vida naquela sala, tan freada e coutada fóra. A censura que nos roubaba os bicos máis húmidos e os roces máis turbadores xamais puido apagar o ollo máxico da cámara que gardabamos no cerebro, e que despois, na cama, filmaba as mellores esceas.
A máis guapa era tan guapa que non podía ser real. Aquelas mulleres dunha beleza tan inhumana non semellaban deste planeta. As do noso mundo non tiñan aquel aura, aquela portentosa irradiación da carne tan agachada, tan apetecible.


Falo das películas do Oeste cando non se chamaban esa parvada de western. Todas comezaban cunhas montañas tan lonxanas, cuns horizontes tan azuis, como xamais puidemos imaxinar e iso que, xa ves, isto é unha chaira. E coa bala que mataba ao máis malo a sala estouraba cos aplausos cos que disparabamos todos. E cando maltrataban a puñadas aos bos, a berros esixiamos vinganza, protestando pola inxusticia nun tempo no que as inxusticias eran ben visibles pero as protestas só podían sobrevivir en silencio.
Quero dicir que o cine era tan importante que desbordaba o espazo da sala e o espazo desa hora e media que custaba tanto e duraba tan pouco. Falo dos xogos e do reparto ded papeis. O máis atravesado era o máis malo. O resto estabamos no bando dos policías, do vaqueiro bo que ó final quedaba coa máis guapa. Só que a máis guapa non quería xogar con nós nese tempo no que os finais felices, os bicos entre fusco e lusco estaban prohibidos. A calificación moral das películas persistía na vida real.
De Charlot, do Gordo e o Fraco, das películas españolas ás películas de vaqueiros. John Wayne, que diciamos Llonguaine. Gary Cooper era Guericuper. Charlton Heston sempre foi Chaltonjeston. O ceo dus curas estaba tan lonxe que o glorioso oeste foi o noso verdadeiro paraíso.
A sala xa está valeira. Seguen os créditos rodando pantalla baixo. Acunado pola música volve pechar os ollos.
Logo os tempos volvéronse tolos. Todo foi acelerándose marcando o paso da política nunha sociedade na que as ansias de liberdade rompían tódalas costuras sociais. Empurrados pola economía que agora permitía vivir cun pouco máis de decencia, os tempos conquistaban o futuro. De súpeto espertámonos descubrindo o sabor dun bico interminable. E a muller máis fermosa. Na carteira da nosa memoria gardabamos a fotografía da máis guapa. Ava Gadner, claro.
O son perfecto. A cor. O carallo aquel do cinemascope que ninguén soubo explicar. O cine abandonaba as esferas dos soños para petar contra a realidade. E todos nós baixamos tamén desde o ceo dos soños ata a terra dura da vida.
Os créditos remataron xa. O silencio ocupa o espazo da música que deixou de soar. Hai xa moito tempo que os rolos valeiros rodando non acompañan os últimos pasos na penumbra.
O asento dunha butaca peta con forza contra o respaldo como o disparo que matou hai décadas ao foraxido. O máis malo. Como a maldita palabra FIN que tapaba os peitos, os beizos cheos de carne que xamas puidemos bicar, os ollos fermosos que me miraban a min, xustamente a min. Os ollos da máis guapa.