REIVINDICACIÓN DO CINE CONTADO

Foto de noticia(Paco Martín)

Na miña infancia e primeira mocidade –tan lonxe xa no tempo e tan preto aínda na lembranza- o cine era a principal, se cadra a única, ventá visual aberta ós mundos que había máis aló do barrio, da pequena cidade e mesmo á tan agardada excursión até A Coruña coa que as señoritas do Doutrina premiaban a fin do ciclo dos da Primeira Comuñón. Nun tempo e nun lugar no que as viaxes soamente se entendían como recurso para facer pola vida e non se lles concedía máis finalidade que a da emigración, o cine permitíanos chegar até o máis fragoso da selva africana para alí axudar a Johnny Weissmuller no seu esforzo por manter abertas as temibles fauces do crocodilo enorme e salvar así a vida de Jane, ou retroceder no tempo e compartir os áxiles esforzos de Errol Flyn na súa loita para volverlle o trono ao bo rei Ricardo, e pasar o paralelo 38, visitar a India fascinante de Sabú, as rúas deprimidas da Roma da posguerra, a inmensidade do Munument Valley polo que atravesa a lenta caravana, o París e Maurice Chevalier, a Viena do terceiro home ou a Serra Morena dos bandoleiros xenerosos.
E grazas a aquela maxia reflectida no pano branco da pantalla, cada un de nós era Tarzán, e Robin Hood, e Shane, e El Tempranillo, e Scaramouche..., iso cando conseguías xuntar os cartos precisos para unha entrada de galiñeiro –en Madrid chamábanlle paraíso, segundo souben moito despois-, algo que, por desgracia, non resultaba nada frecuente. No meu barrio –e sospeito que tamén era así en todos os demais- faciamos por amañar estas carencias botando man da antiquísima arte do relato oral. Aquel dos rapaces que un día tivera a sorte de poder asistir a algunha das proxeccións que se daban en calquera das cinco salas que en Lugo funcionaban daquela cargaba con algo semellante á obriga tácita de ter que contar ós demais a película que o día antes vira. Ao saír da escola pola tarde procurabamos un lugar abeirado e cómodo, sentabamos no chan formando roda e o afortunado que fora ao cine, protagonista el agora, situábase, dereito, no medio do círculo e ía contando o mellor que podía todo aquilo co que a véspera rira, sufrira e se emocionara. Era, polo xeral, unha relación cumprida de canto guionista, director e actores conseguiran plasmar na cinta co seu traballo pero sempre acompañada con certas aportacións da propia colleita do relator que servían para achegar ao pequeno mundo local dos que formabamos o auditorio aquel outro universo, case irreal e desalentadoramente afastado, no que se desenvolvía o filme.
Era o cine feito palabra. E algúns contadores había que eran quen de facelo de xeito maxistral, tanto que non teño reparo ningún en confesar que non foran poucas as ocasións nas que eu gustara máis da versión falada que da que despois tivera oportunidade de ver proxectada na pantalla.
Pasaron os anos e eu, que tampouco non era dos que peor desempeñaba o papel de narrador, fíxenme decididamente devoto da chamada sétima arte e sei que non foi pouca a influencia que esta afección exerceu –e segue a exercer- no meu quefacer literario, como sei tamén que agora teño aquí a mellor das ocasións para facer pública reivindicación daquel meu infantil Cine Contado. E así o fago.