ÁLBUMS DE CINE E CARTAS DENDE HOLLYWOOD
(Claudio Rodríguez Fer)
Xa teño contado noutros lugares que a miña foi unha infancia moi cinéfila, poboada por revistas, postais, pósteres, álbums e cartas de cineastas, todo o cal desembocou nos meus primeiros cinepoemas e nunha permanente afección pola sétima arte que dura ata hoxe.
Probablemente imitando os álbums de cromos e seguindo o exemplo infantil de miña nai, eu comecei a facer grandes álbums sobre cine en torno aos oito anos. Primeiro construín, con grandes pregos de cartolina atada cun lazo un par de álbums de imaxes pegadas e sempre silueteadas de actores e de actrices, en ambos casos recortadas de revistas. Alí figuraban moitos dos artistas máis famosos e estimados da época como Marilyn Monroe ou Marlon Brando, panorama que moitas veces revisaba con miña nai e miñas tías. Posteriormente elaborei un álbum de cartolina azul máis pequeno e manexable, pero moito máis completo, pois incluía decenas de fotogramas sen siluetear e prospectos de estrea, que me acompañaba a todas partes.
Ademais, sobre o cine en xeral escribín todo un caderno aos dez anos, en setembro de 1966, titulado “Cine. Vidas, Actores, Actrices, Películas y Noticias del Cine” e iniciado con retratos e biografías de Sara Montiel e Brigitte Bardot. Tras el fixen outro aos doce, en setembro de 1968, rotulado “Cinematografía” e que, en realidade, era un catálogo biográfico de actores e de actrices, moi ilustrado con recortes diversos. Despois fixen tres cadernos sucesivos de gran formato onde os protagonistas xa eran máis os directores que os actores, pois comezan con Eisenstein. E a miña última monografía adolescente foi unha historia do cine por xéneros escrita xa en lingua galega. De maneira que a miña formación cinematográfica foi prematura e teimudamente autodidáctica.
Por outra parte, a miña afección ás revistas cinematográficas púxome en evidencia a posibilidade de dirixirme directamente aos actores e actrices e recibir a cambio algunha foto dedicada. Escribín entón a varios dos meus artistas preferidos, como Brigitte Bardot e Claudia Cardinale entre as mulleres e Gregory Peck e Charlton Heston entre os homes. Parece ser que de moi neno eu dicía que de maior tería unha muller loura como Brigitte Bardot e outra morena como Claudia Cardinale, e elas foron tamén os mitos eróticos da miña adolescencia, época na que ademais redescubrín a Marilyn Monroe. Moitas das súas fotografías en recorte ou en postal enchían os meus álbums e paredes, á parte de encantarme velas actuar e mesmo a Marilyn Monroe e a Brigitte Bardot oílas tamén cantar.
Respecto aos actores, conservo tres fotografías de Gregory Peck e unha de Charlton Heston enviadas dende Hollywood, feito este que de pequeno me facía unha gran ilusión. Recibir carta do estranxeiro en xeral, dos Estados Unidos en particular e de Hollywood en concreto era para un neno ansioso por traspasar as murallas do pechado mundo de Lugo e da oprimente España de Franco unha liberación indescritible, aínda que só se producise a través da imaxinación ou do contacto epistolar. A chegada de cartas do mítico Hollywood, cos correspondentes selos norteamericanos, probaba para min que o mundo exterior existía: que Gregory Peck non era de celuloide, que Hollywood non era un soño inalcanzable, que podía establecer contacto co Far West dos distantes Estados Unidos de América. “Tes carta de Gregory Peck”, “Escribíronche dende Hollywood” ou “Chegouche un sobre de California” eran frases que conectaban o neno que eu era entón con outro mundo, confirmando que o contacto internacional e que o intercambio humano era posible máis alá de estatus, linguas e fronteiras. Así o probaba que se me escribise ao meu nome dende Los Angeles en sobres selados co rostro dos presidentes Washington, Roosevelt ou Eisenhower.
Ao longo da miña infancia e adolescencia había en Lugo seis cines, todos desaparecidos a fins do século XX: o Gran Teatro, que foi o máis duradeiro e onde tiven o primeiro encontro casual con Carmen Blanco; o Kursal, que era o de maior pantalla e onde asistín ás sesións cineclubísticas con Carmen Blanco e con Ánxel Fole; o España, vinculado á familia de Ánxel Fole, quen o frecuentaba a miúdo; o Central Cinema, próximo ao anterior e para o que fixo carteis Arcadio Romero Boelle; o Paz, un dos mellor acondicionados, onde vin ao poeta Novoneyra engaiolado con Interiores, de Woody Allen, e, situado xusto á súa beira, o Victoria, moi popular e de público infantil, que foi logo un tempo habilitado como Sala de Arte e Ensaio. Menos a este último, a eles asistín moito de neno con miña nai, que prefería o Kursal e o Gran Teatro pola súa proximidade á nosa morada.
Saíndo da adolescencia publiquei o meu primeiro artigo, que resultou ser sobre o cine de Orson Welles, e coa mocidade veu xa a miña colaboración cineliteraria co Club Cultural Valle-Inclán, requirida polo inesquecible Carlos Varela Veiga, e posteriormente coa Agrupación Fotocinematográfica Fonmiñá, requirida por Manuel Curiel e Eduardo Ochoa, mais estas son xa outras películas...

