EL BAÑO DEL PAPA

Auditorio / Día 25 / 11 noche

Uruguay-Brasil-Francia-2007- 97 minutos
Título original: El baño del Papa
Género: Comedia Director/ra: César Charlone
Guión: César Charlone
Música: Gabriel Casacuberta
Montaxe: Gustavo Giani
Fotografía: César Charlone

Intérpretes: César Troncoso (Beto), Virginia Méndez (Carmen), Mario Silva (Valvulita, Virginia Ruiz (Silvia), Nelson Lence (Meleyo)

Conseguiu o Premio Horizontes do Festival de Cine de San Sebastián e o Colón de Prata do Festival de Cine Latinoamericano de Huelva.

Formou parte da sección “Una cierta mirada” do Festival de Cine de Cannes. Ano 1988. Melo, Uruguai, unha pequena cidade situada na fronteira con Brasil, espera a visita do papa Juan Pablo II. Empézase a falar de cifras: chegarán centos de persoas. Non, miles. Algunhas fontes ben informadas falan de 50.000 visitantes... Os habitantes, pobres na súa maioría, saben o que significa: 50.000 peregrinos quererán comer, beber, quererán comprar bandeiras de papel, recordos, medallas conmemorativas. Cheos de entusiasmo, máis que a bendición divina, esperan conseguir unha pequena parte de felicidade material. Beto, un contrabandista de pouca monta, está convencido de ter dado co mellor negocio de todos: “O baño do Papa”, onde miles de peregrinos poderán aliviarse. Que os outros se encarguen de fritir montañas de chourizos e cocer bolos. El farase rico con residuos humanos. Pero antes de poder construír o retrete, Beto métese nun problema. Chega case a esgotar a paciencia da súa estoica e sempre optimista esposa Carmen e decepciona a Silvia, a súa filla adolescente, que soña con traballar nos medios de comunicación. Debe incrementar as súas arriscadas e duras viaxes ó outro lado da fronteira. Deixa de lado o seu gran soño: comprarse un ciclomotor. Incluso perde o seu ben máis querido, a súa bicicleta, con tal de facerse coa clave de seu templo de residuos e riqueza: o váter. Pero está decidido a chegar a tempo para o acontecemento divino. Dirixe César Charlone (Montevideo, Uruguai, 1958), que exerceu como director de fotografía en películas como El jardinero fiel ou Ciudad de Dios. Traballou sobre todo en Brasil despois de licenciarse na Escola de Cine de Sao Paulo. Empezou en 1975 en calidade de primeiro operador en documentais, anuncios e longametraxes. En 1997 instalouse definitivamente en Brasil e empezou a traballar como realizador en anuncios, videoclips e en varios capítulos da famosa serie Cidade dos homens, da que é o autor de varios guións. Desde entón alterna o traballo de realizador co de director de fotografía.

Codirixe Enrique Fernández (Melo, Uruguai), que participou en varios documentais e curtametraxes como guionista, axudante de realización ou primeiro operador en Uruguai e Alemaña, onde viviu varios anos. En 1997, Diego Arzuaga levou á gran pantalla un guión seu, Otario, que competiu na sección oficial do Festival de San Sebastián. Dá clases de escritura de guión na Escola de Cine de Uruguai.