LEJOS DE ELLA

Auditorio / Día 26 / 7,00 tarde

Canadá-2007-110 minutos
Título original: Away from her
Xénero: Drama
Director/ra: Sarah Polle
y Guión: Sarah Polley
Música: Jonathan Goldsmith
Montaxe: David Wharnsby
Fotografía: Luc Montpellier
Intérpretes: Julie Christie (Fiona), Gordon Pinsent (Grant), Olympia Dukakis (Marian), Kristen Thomson (Kristy), Michael Murphy (Aubrey).

Conseguiu o Globo de Oro á mellor actriz para Julie Christie. Presentouse no Festival de Cine de Sundance e na Semana Internacional de Cine de Valladolid. Grant e Fiona, que levan 50 anos casados, posúen un sentido do compromiso aparentemente inquebrantable e unha vida chea de tenrura e humor. Esta serenidade só se ve perturbada cando, ocasionalmente, Fiona fai algunha referencia comedida ó pasado, dando a sensación de que o matrimonio non sempre foi un conto de fadas. Esta tendencia de Fiona, unida á súa evidente perda de memoria, prodúcenos momentos de tensión que ambos soen romper con algún comentario desenfadado. Pero cando estes fallos de memoria se volven máis evidentes e dramáticos, ningún dos dous pode seguir eludindo a realidade: Fiona padece a enfermidade de Alzheimer. Finalmente, Fiona decide ingresar en Meadowlake, unha residencia especializada na súa enfermidade. Unha das normas máis arcaicas de Meadowlake é a prohibición de que os pacientes reciban visitas durante o primeiro mes de estancia, para facilitar a súa "adaptación". Tras 30 angustiosos días de estar separado da súa muller, Grant volve a Meadowlake para descubrir que Fiona parece non acordarse del e ter posto todo o seu afecto en Aubrey, outro residente. Grant, que non ve outra opción que aceptar que Fiona crea que é un atento coñecido seu, visítaa a diario e vese obrigado a ser testemuña do sólido vínculo que vai medrando entre ela e Aubrey. Co tempo, Grant faise amigo de Kristy, unha nobre enfermeira que, conmovida pola súa fiel devoción cara á súa esposa, empeza a interesarse por el. Pero a través das súas conversacións, a imperfecta historia de Grant e a perversa xustiza poética da agonizante situación entre Fiona e Aubrey vólvense evidentes. Cando a muller de Aubrey, Marian, volve das súas vacacións, decide sacalo repentinamente da residencia. Desfeita pola separación, Fiona entra nunha profunda depresión e sofre un rápido deterioro. Temendo pola súa vida, Grant embárcase no maior acto de sacrificio que teña feito para devolverlle a felicidade á súa muller nos seus últimos días.

É a primeira longametraxe dirixida pola actriz Sarah Polley (Toronto, Ontario, Canadá, 1979), autora das curtametraxes The best day of my life (1999), Don't think twice (1999), I shout love (2001) e All I want for Christmas (2002). Como actriz, actuou en Llamando a las puertas do cielo, La vida secreta de las palabras, El despertar, Amanecer de los muertos, Mi vida sin mí, El perdón, El peso del agua, El dulce porvenir ou Viviendo sin límites.